Os días 24 e 25 de xuño do 2.017 participei na cuarta edición da Ultraandaina e ultratrail Os 100 dos International Trekkers, organizada polo clube de montaña International Trekkers Barbanza Sar. A andaina partía de Noia e pasaba por O Son, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Lousame, para finalizar en Noia. O obxectivo é “sinxelo”: completar 100 km, cuns 3.300 metros de desnivel positivo, en menos de 24 horas.
Nestas historias méteste unha vez por descoñecemento, pero a segunda, como é o meu caso, faise por gusto. Nada te pilla de novo, e é algo bo, xa que coñeces parte do que te vas a atopar e así podes tratar de minimizar todo o malo que te atopas, que o atoparás: aparecen varios muros (non un no km 30 coma no maratón), vas previsto para non pasar frío, organizas mellor as mochilas onde te podes cambiar de roupas, deixar ou coller cousas,… anque como contarei, volves a cometer algunhas novatadas.
A miña crónica da proba do ano pasado (2016) está dispoñible neste enlace.