O sábado 21 de maio de 2016 participei na miña primeira andaina. Ata o de agora moito asfalto, varios maratóns, uns cantos máis medio maratóns, algún trail de montaña como o Toxiza Classic Xtreme, pero nunca unha andaina. E gustoume, moito, creo que demasiado, polo que non creo que sexa a última.
Unha andaina moi ben preparada por parte da xente do Centro Cultural “O Coto” de San Estevo de Budiño. Todo moi ben marcado cada poucos metros con cintas e cuns pequenos sinais clavados con estacas en cruces conflictivos. Era case imposible perderse. Eu fíxeno dúas veces, por non ir atento, xa que en ambos casos a sinal estaba ben visible. Foi cuestión de dar volta ao levar máis de 200 m. sen ver sinalización e listo.
A idea de apuntarme a unha andaina tan longa empezou charlando nos entrenamentos do Atletismo Porriño con Rocío e con Venancio. Ambos fixeran varias veces a andaina e faláronme marabillas. Venancio acabou de convenceume para facela mentras realizábamos xuntos as tiradas longas preparando o maratón da Coruña 2016. As tiradas longas entre Porriño e Tui dan para falar moito.
Nunca antes me enfrentara a unha distancia superior a un maratón (xa lle chega bastante) nin a estar tanto tempo facendo deporte. Realmente non tiña nin idea canto tempo me ía a levar (o tempo máximo que da a organización para facela é de 12 horas), anque a idea coa que saín era baixar de 10 horas. Sen estrés, sen présa pero sen calma.
Non fixen ningún entrenamento específico, xa que o obxectivo deste inverno era o maratón da Coruña 2016 (5 semanas antes desta andaina) e 3 semanas antes da andaina correra a Toxiza Classic Xtreme, pero tiña claro que estaba preparado para acabar decentemente unha proba deste tipo.
Prepareime con todo o que creía que ía a ser necesario:
- Camelbak Rogue co depósito de 2 litros cheo. En futuras andainas creo que é mellor opción levar menos cantidade e ir enchendo o bidón en cada avituallamento.
- Cortaventos por se chovía (tiñamos predicción de auga sobre as 15:00 horas, anque empezou a chover sobre as 18:00 horas, logo de entrar na meta).
- Camiseta de manga curta por se a de manga longa me daba demasiada calor (non a usei).
- Vaselina.
- Teléfono móbil.
- iPod nano.
- DNI e diñeiro, que nunca se sabe o que pode pasar.
- Suunto Ambit 2 Sports coa cinta co sensor de frecuencia cardíaca.
- Bastóns de trekking, prestados polo entrenador (Dani, obrigado). Moi útiles.
- Barras enerxéticas, que nunca sobran.
O primeiro erro que cometín foi poñer o Suunto Ambit 2 Sports en modo de baixo consumo, co que aguanta moito máis a batería (só consumiu un 25%), pero como adquire unha posición GPS cada 60 segundos, o erro é grande. Ao final deume unha distancia de 45,54 km, co que o erro é considerable. O único problema que trae esto é non levar unha referencia boa, anque como o circuito estaba sinalado cada 5 km, pois tampouco era demasiado problema. Creo que para futuras andainas levareino modo normal (un punto cada 10 segundos) e levarei un powerbank por se necesito ir cargándoo.
O segundo erro, e máis importante, foi a mala elección dos calcetíns, xa que puxen uns que me parecían bastante bos e tiñan pouco uso, pero que acabaron con 2 furados (nunca me pasara algo similar), e a pouca vaselina que botei nos pés. Todo esto xunto aos pés mollados en varias zonas de barro deron lugar a dúas ampollas nos talóns, unha delas bastante grande.
A andaina parte do Centro Cultural “O Coto”, en San Estevo de Budiño, no Concello de Salceda de Caselas (42.0889444,-8.6155278). Componse dun roteiro circular de 50 km, e para os participantes con menor preparación física, a organización ten sinalizado un recorrido de 27 km tamén circular e de dificultade baixa.
Saimos ás 9 da mañá (9:10 aproximadamente). Fun ata o km 10 con dúas amigas, Covadonga e Paloma, que ía a facer a andaina de 27 km. Ata este km fomos charlando, con bastante cachondeo. Chegamos ao primeiro avituallamento, neste km 10, e aí xa nos dividimos os da andaina de 50 km e os da andaina de 27 km. Non as volvín a ver, anque falei con Cova cando chegou á meta.
A partir de aí enganchei o iPod nano 3G (impresionante como este cacharro, con case 10 anos, sigue tendo tan boa batería) e empecei a poñer The Police, Sting e a maioría do tempo Queen. Cando vas canso pos “Don’t Stop Me Now” e pégache un subidón impresionante.
Continuas subidas e baixadas, non moi duras pero que van trallando as pernas, excepto algunhas como a do Faro de Budiño, a metade de carreira, que lle chegaba ben. A maioría da andaina discorre por sendeiros, pistas, algo de monte e pouco asfalto, na unión entre os tramos de monte.
Fixen o traxecto de subida e plano andando e as zonas de baixada trotando, excepto entre o km 35 e o 40, onde as pernas non ían para trotar. Moi útiles os bastóns de trekking, xa que permiten que as pernas se carguen menos, tanto nas subidas como nas baixadas.
Fun a maioría de km sen compañía, excepto desde o paseo do río de Salceda de Caselas ata a meta, onde pensei que me perdera porque non vía cintas de marcaxe (algún gracioso que as retirou) e pregunteille a dous compañeiros (Gil e Carlos, de As Pontes). Axudáronme bastante a distraerme falando, a que os km se pasaran máis rápido e, sobre todo, a tirar por min cando as pernas pedían andar e non trotar nas baixadas. Ao final ía tan ben que trotei bastantes km, tanto en baixadas como en plano.
Faltando 2 km perdinme (non vin unha sinal), parei nun bar a preguntar e o típico: “Ai filliño, por aquí non é, vas perdido. Tes que ir ata aquela casa e xirar á esquerda”. Volvín a trotar, engancheime outra vez a Gil (do que me descolgara previamente) e sen darme conta (pensaba que faltaba 1km ou 2) estabamos na meta.
Sorprendeume positivamente a cantidade de piñeiros e carballos que atopamos (e non tan positivamente as acacias), xa que me esperaba ver un monocultivo de eucalipto, a.k.a. ocalitro.
Pasamos por 15 parroquias de 5 concellos: San Estevo de Budiño, San Xurxo, A Picoña, Santa María de Salceda, Entenza, Parderrubias e Soutelo do Concello de Salceda de Caselas; San Salvador de Budiño e Atios do Concello do Porriño; Guláns, Cristiñade e Nogueria do Concello de Ponteareas; Alxén e Cabreira do Concello de Salvaterra e Guillarei do Concello de Tui.
O dos avituallamentos tamén foi algo destacable. Estaban anunciados 6 pero ao final contei 8, onde sempre había auga, barras enerxéticas, froita, na maioría bebida isotónica e no avituallamento principal, no merendeiro A Fraga do Rei nos montes de Cristiñade, había un pouco de toco, destacando a empanada, que, anque non o pareza, agradécese e entra ben. Impresionante a organización.
E todo esto en 8 h 46′ segundo o Suunto e 8h 53′ segundo a organización, xa que non teño claro en que momento exacto se deu a saída.
Ao chegar á meta tomaban o tempo cun cronómetro, dábanche un diploma co tempo e listo. Nada de chips, medicións con RFID nin hostias.
Alí atopeime a Venancio, que non fixera a andaina porque estivera axudando a remarcar o traxecto sobre as 7 da mañá, xa que hai moito gracioso que se adica a quitar as cintas indicadoras o día antes da andaina.
E ao finalizar, logo dunha ducha en auga templada nas instalacións do Centro Cultural “O Coto”, a organización tiñanos preparada unha comida, que cada un ía tomando a medida que chegaba, con callos, cervexa, varios tipos de empanadas, rosquillas,… impresionante. E todo por 12 € para non federados (10 € para federados).
Como curiosidade, comentar que ao día seguinte estaba moi moi cansado (durmín 12 horas do tirón), moito máis que logo de calquera maratón, pero sen ningún músculo cargado, nin sequera os dos brazos-ombros polo uso dos bastóns de trekking, algo ao que non estou habituado.
A próxima andaina xa a teño na cabeza e espero escribila noutra entrada.
O perfil da proba é este:
O mapa é este:
O track da proba en wikiloc.
O track facilitado pola organización pódese descargar neste enlace (en formato gpx, comprimido en zip).
As fotografías facilitadas pola organización están dispoñibles neste enlace.
O perfil facilitado pola organización é este:
O mapa facilitado pola organización é este:
E o cartel facilitado pola organización é este:
E un par de fotos miñas na meta (non saquei máis).
E algunha imaxe que facilitou a organización