O pasado fin de semana (29-30 de abril do 2017) participei na Pontevedrada, unha andaina-marcha solidaria nocturna de 63 kilómetros (creo que algúns máis) polo Camiño de Santiago portugués, dende Pontevedra ata Santiago de Compostela. Era a sétima edición dunha marcha que se celebra o último fin de semana de abril. O obxectivo é concienciar á poboación da grande importancia da doazón altruista de sangue, órganos, tecidos e médula. É unha iniciativa que me parece moi interesante apoiar, e coa que concordo, xa que levo 20 anos doando sangue (a última vez hai 2 meses) e hai 18 anos que son doante de órganos. Teño pendente facerme doante de médula, cousa que espero deixar solventada este ano.