Os días 24 e 25 de xuño do 2.017 participei na cuarta edición da Ultraandaina e ultratrail Os 100 dos International Trekkers, organizada polo clube de montaña International Trekkers Barbanza Sar. A andaina partía de Noia e pasaba por O Son, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Lousame, para finalizar en Noia. O obxectivo é “sinxelo”: completar 100 km, cuns 3.300 metros de desnivel positivo, en menos de 24 horas.
Nestas historias méteste unha vez por descoñecemento, pero a segunda, como é o meu caso, faise por gusto. Nada te pilla de novo, e é algo bo, xa que coñeces parte do que te vas a atopar e así podes tratar de minimizar todo o malo que te atopas, que o atoparás: aparecen varios muros (non un no km 30 coma no maratón), vas previsto para non pasar frío, organizas mellor as mochilas onde te podes cambiar de roupas, deixar ou coller cousas,… anque como contarei, volves a cometer algunhas novatadas.
A miña crónica da proba do ano pasado (2016) está dispoñible neste enlace.
A continuación describo a proba, tanto a información previa como a proba en si.
Table of Contents
Información previa
A información previa á andaina foi completa, dispoñible na web da andaina. Ademais os perfís de Twitter e, sobre todo, Facebook, están moi activos desde 3-4 meses antes da proba. Moven moi ben a proba en Facebook.
- Horario de saída: 16:00 do 24 de xuño dende a Praza do Concello de Noia.
- Recollida de dorsais : entre as 13.00h e as 15.20h na Praza do Concello de Noia.
- Avituallamentos: 9 máis a comida na chegada.
- Prezo inscrición: Entre o 8 de Febreiro e o 31 de Marzo, 50€. Entre o 1 de Abril e o 10 de Xuño, 75€. Mesmo precio para federados e non federados.
- Ubicación da saída. Praza do Concello de Noia. 42°47’06.2″N 8°53’16.5″W.
Cartel da proba
Non dispoñible
Perfil da proba
Tramo 1
Tramo 2
Tramo 3
Tramo 4
Tramo 5
Plano da proba
Tramo 1
Tramo 2
Tramo 3
Tramo 4
Tramo 5
Track
Enviaron varios tracks nas semanas previas á andaina, a medida que ían modificando o trazado por diversos factores. Neste enlace está dispoñible o último que enviaron.
Inscrición
Facíase cubrindo un formulario e pagando a través dunha pasarela bancaria con tarxeta bancaria. É o método máis cómodo dos que se usan nas andainas.
A proba
Datos do meu reloxo (Suunto Ambit2 Sports):
- Distancia: 96.27 km.
- Desnivel positivo: 4.517 m.
- Desnivel negativo: 4.517 m.
- Tempo: 22h 36′.
- Track: descarga. En Wikiloc.
Track
Usei o Suunto Ambit 2 Sports cun intervalo de recollida de posicións GPS de 60 segundos, co cal sabía que o track ía a sairme máis corto. O track está dispoñible en Wikiloc: 96,27 km. e 4.517 m. de desnivel positivo. O arquivo, en formato GPX, comprimido en ZIP, está dispoñible neste enlace.
Vin tracks doutros participantes e, por regra xeral, a distancia pasaba un pouco dos 100km e o desnivel varía moito entre tracks distintos, polo que os meus datos hai que tomalos con pouca fiabilidade.
Datos subxectivos:
- Marcaxe: bastante bo. Estaba todo o camiño marcado con doble punto ou dobre franxa de cores vermello e azul, cinta branca e vermella con reflectante para que de noite se viran a distancia gracias á luz do frontal. Tamén houbo luminarias químicas, anque menos que o ano pasado.
- Avituallamentos: os necesarios, tanto en número como en contido. Todo moi completo. Non botei en falta nada.
Creo que tiña totalmente claro que non faría outra proba deste tipo no km 99 da anterior edición. Pero a sensación da entrada na meta é tan brutal que sabía que esa non sería a última carreira de 100 km.
E inscribinme xusto cando se incrementaba o precio, o 31 de marzo, con case 3 meses de antelación.
Inscrito nos 100 do International Trekkers. Xa non hai volta atrás. 100 km para celebrar o solsticio de verán???? @Os100dosITBS #os100do2017
— Jesús Amieiro (@JesusAmieiro) March 31, 2017
Este ano non preparei o maratón de Coruña, co que cando me inscribín ía xusto de preparación física. Non me propuxen facer unha preparación planificada. Simplemente facer 3-4 sesións semanais andando, correndo, nadando ou na elíptica no ximnasio. E ir a cantas máis andainas de 50 km puidera.
E así o fixen. Empecei coa andaina do Condado Marqués de Vizhoja, celebrada en As Neves e en Arbo (50 km), continuei coa Pontevedrada, celebrada pola noite entre Pontevedra e Santiago de Compostela (uns 63 km), logo a andaina de Salceda de Caselas (50 km) e finalicei 2 semanas antes desta proba coa andaina Costa Ártabra, celebrada en Ferrol (50 km).
Nestas probas fun probando os cambios de material, que basicamente eran:
- As zapatillas. Cambiei as Salewa MS Ultra Train polas Mizuno Wave Mujin 3 e o cambio foi moi favorable, xa que a Mizuno Wave Mujin 3 prodúzome moitas menos rozaduras e bochas que as Salewa MS Ultra Train, á vez que se comportan moi ben. É unha zapatilla ancha, como todas as hormas de Mizuno e suela de Michelín, co que o agarre é bo.
- Unha nova mochila, unha Salomon Evasion 25 l., coa que estou moi contento. Permíteme levar o mesmo bidón que o Camelbak (2 litros) e o resto de elementos (roupa de abrigo, botiquín, algo de comida,…), tratando de levar o xusto, para non cargar con demasiado peso (xa se notan os 2 kg da auga do bidón). O que vou é máis cómodo con esta mochila que co Camelbak, porque non teño que levar o contido tan comprimido. O Camelbak está ben para tiradas máis curtas, 3-4 horas como máximo, pero en andainas longas estou máis contento coa mochila Salomon. Posiblemente o mesmo modelo en 20 l. fose unha mellor elección.
- As pastillas de electrolitos para o bidón da auga. Estiven probando o PowerBar 5 electrolytes e funcionáronme ben.
O resto do material repetino, xa que ía perfecto. Tíñao todo listado nunha folla de cálculo, ao igual que o material que ía na bolsa aos avituallamentos, para non olvidarme de nada.
E con este entrenamento e estes cambios mínimos me presentei o sábado 24 a eso das 13:30 na Alameda de Noia, tras unha boa cena, sobremesa e fogueira de San Xoan o día anterior.
Levaba a comida preparada, xa que non era cuestión de andar comendo nalgún bar ou restaurante e empezar co estómago tronzado: ensalada de pasta, que boa falta farían eses hidratos de carbono ao longo da proba.
Presenteime no posto de recollida do dorsal e alí me deron a pulseira/dorsal, o tracker por GPS e o bono para a comida do domingo.
A pulsera encantoume, como non podía ser doutra forma, xa que era unha recomendación miña que lle fixera á organización o ano anterior. As probas que se diferencian e se fan cada ano máis grandes son estas, as que se adaptan aos requerimentos e atenden aos consellos e necesidades dos participantes. Puntazo para a organización, como non pode ser doutro modo.
Creo que non a vou a quitar ata que rompa 😉
O do tracker por GPS, anque a min me fallou na metade da carreira, ao igual que a uns cantos participantes, creo que é un gran acerto por parte da organización, tanto dende o punto de vista da seguridade como para implicar na proba ao entorno do participante. A min sorprendeume que unhas cantas persoas me estiveran seguindo, tanto familiares como amigos ou compañeiros de traballo. Sen o tracker esto non sería posible. O que terá que pulir a empresa provedora do servicio é o funcionamento dos dispositivos para minimizar os erros e nada máis.
Comín nun banco na Alameda, bebín dabondo e logo xa me dispuxen a vestirme e prepararme para a proba: tiritas nos pezóns, vaselina na entreperna e o ritual de encintado dos pés con esparadrapo de papel, que me permitiu non ter nin a primeira bocha nesta proba. Man de Santo.
A continuación levei a bolsa azul ao camión. Esta bolsa era a que a organización levaba primeiro ao km 40, ao mirador de Valle Inclán e logo ao hórreo de Araño, no km 71, para poder cambiar o que necesitasemos. Aquí levaba un pouco de todo, que tiña perfectamente organizado nunha folla de cálculo: unhas zapatillas de montaña, 1 cortaventos, 1 camiseta manga longa, 2 camisetas manga corta, 1 polar, 1 pantalón longo de correr, 1 pantalón corto, 1 calzoncillo, pilas de recarga para o frontal, 1 Buff, un par de calcetíns, 1 gorra, 12 barritas enerxéticas, 1 rollo de esparadrapo, vaselina e 1 bolsa froitos secos. Levaba bastante roupa de abrigo, xa que non quería pasar o frío que pasara o ano anterior. Esto é Galicia, anque sexa a finais de xullo. Moi boa a iniciativa da organización de levar a mesma bolsa aos dous puntos, para non ter que decidir que material levamos a cada un dos dous puntos onde tiñamos as bolsas.
E para finalizar a bolsa blanca, con todo o que se quedaba en Noia ata o día seguinte. Basicamente era o que necesitaba para poder ducharme e cambiarme de roupa ao rematar a proba antes da comida.
E entre unhas cousas e outras ía acercándome ás 16:00 horas. Enchín o bidón con case 2 litros de auga, 3 pastillas de electrolitos e a escoitar os discursos previos á saída.
Antes de empezar a contar as miñas sensacións na proba, teño que agradecer enormemente a todos os voluntarios que estaban nos avituallamentos dando comida, bebida, reenchendo o Camelbak, explicándonos como era o seguinte tramo e, sobre todo, dando ánimos, moitos ánimos, a pesar de que nos vían destrozados. Ocórrenseme un millón de cousas mellores que botar máis de 24 horas axudando a que case 300 pirados traten de andar ou correr 100 km en 24 horas. Só teño palabras de agradecemento para eles. Sodes xeniais. ???????
E ás 16:00 horas, nin un minuto arriba nin un abaixo, con puntualidade barbancesa, saímos. Marchamos, que temos que marchar.
Saímos polo casco urbano de Noia, e tras cruzar a ponte, en breve xa estabamos no campo. A xente pasábame como se lle fose a vida nesto, demostrando por veces pouca educación. Que che quedan case 100 km, animaliño!!!!
Sorprendeume un par de homes que me pasaron ao arrancar que ían en sandalias de tiras, como as de ir á praia. Non é a primeira vez que os vexo, polo que mal non teñen que ir. A min daríame moito medo ir tan pouco protexido para andar 100 km polo monte, pero ao mellor só e ignorancia. Quen sabe…
Os primeiros km son sinxelos. Percorremos a costa de Noia, bordeamos Portosín (aquí temos o primeiro avituallamento, no km 12,5, onde nos comproban os trackers, o meu parece que ía ben) para continuar pola costa ata chegar a Porto do Son. Había moita xente nas praias e daba gana de quedarse na area ou pegarse un chapuzón no mar.
Neste segundo tramo entre Portosín e Porto do Son atópome a Dopazo, co que fun falando un bo tramo ata Porto do Son e que o ano pasado me animara para continuar cando me visitara o home do mazo no km 63.
Como algo e encho o Camelbak neste segundo avituallamento e continúo a marcha, que nos sigue levando durante outros 10 km pola beiramar, pasando varias praias e bordeando o Castro de Baroña.
Chego ao terceiro avituallamento, na Capela de Pedrafurada, no km 30,2. Neste punto cambia totalmente o percorrido: saímos da costa e entramos no monte, nunha subida que nos levará ata o Mirador de Valle Inclán, no km 40,2, onde nos darán a cea.
Nesta subida atópome a Cristóbal (agora sei o seu nome), co que compartira o ano pasado a última subida, entre o km 90 e o 92. Na crónica do ano pasado identifiqueino como un “compañeiro de bigote que non tiña acento galego, do que non coñecía o nome“.
Comenteille precisamente eso. A conversación foi moi surrealista:
- Eu: O ano pasado compartimos a última subida, non sei se te acordas?
- Cristóbal: Que dorsal eres?
- Eu: O 242.
- Cristóbal: Entón eres Jesús Amieiro.
- Eu: Pois si, como o sabes?
- Cristóbal: Porque lin a crónica no teu blog e recoñecinme cando vin que te referías a un compañeiro de bigote que non tiña acento galego.
Literalmente flipei. Un home de fóra de Galicia (na inscrición pon que é de Ceuta) lee un ladrillo (en galego) como o que escribín o ano pasado (o deste ano vai polo camiño), recoñécese e busca cal é o meu dorsal por se coincidimos na carreira. Este tipo de feitos e outros como o que comentei anteriormente das pulseras/dorsais ou cando escribo un artigo técnico e un programador de Nova Zelanda ou de Singapur escribe nun comentario “Struggled all day, you saved my life ? Thanks a lot”, ou tweets coma o seguinte, son os que me dan ánimos para invertir este tempo no blog.
If anyone is struggling setting up @laravelphp Dusk on Homestead. Highly recommend this article https://t.co/6BJQ1wyK1a by @JesusAmieiro
— Curtis Stanier (@crstanier) July 23, 2017
Neste tramo ía cun pouco máis de ritmo que Cristóbal e deixeino atrás. Entre unhas cousas e outras subimos unhas costas fortes, pero non tan duras coma o cortalumes do ano pasado que tamén nos levaba a Valle Inclán. Fíxose a noite e sobre as 23:00 horas encendín o frontal. Aínda quedaba unha forte subida polo medio do monte antes de chegar a Valle Inclán, onde nunha zona alta a organización tiña montado un despliegue que metía medo: unha carpa cun montón de mesas e bancos, comida quente e 2 camións coas bolsas para cambiarnos.
Cheguei, deixei a mochila e os bastóns nunha mesa, collín un consomé e un pouco de pasta e púxenme a cear. Mentras comía algo ocurríuseme mirar o WhatsApp e varios amigos e familiares preguntábanme que me pasara, que no tracker da organización aparecía como que abandoara. Contesteilles a todos que estaba ben, ceando e que polo de agora non tiña pensado retirarme, que quedaba moito rock&roll por diante.
Mentras ceaba volvín a atoparme ao home de Ceuta e agora si, pregunteille o nome e o dorsal, que xa non se me olvidará: Cristóbal, dorsal 61. Saudámonos e desexámonos sorte.
Cando acabei a cea fun xunto á xente da organización a comentarlle o que me pasaba co tracker GPS. Indicáronme que estaban fallando uns cantos, chamaron por teléfono a outra persoa da organización e este quedou en que trataría de atoparme no seguinte avituallamento para revisar o dispositivo.
Continuei a andaina. Agora empezaba unha baixada por terreo pedregoso e técnico. Tratei de acoplarme a outros andaríns, pero ao non levar o meu ritmo pois decidín tirar só.
Sobre o km 49 cheguei a outro avituallamento (Escobias), onde me veu a visitar por primeira vez o home do mazo, coma sempre, sen compasión. Decidín sentarme, cambiar as pilas do frontal, poñer as medias de compresión (déronme a vida, anque haxa estudos que din que só son un placebo), comer e beber algo de café. Cando llo pedín ao voluntario debeume ver con tan mala cara que me preguntou se quería abandoar.
Non, oh, só quero un pouco de café ben cargado 😉
E continuei, chegando a un tramo de baixada complicado (había un cartel avisando). Nel vin un par de caídas sen importancia doutros compañeiros: bastantes km enriba, cansancio, zona técnica,… pero nada que non se puidera facer con coidado.
Non km 56 volvemos a ter outro avituallamento, o de Mieites, que se facía nunha casa particular. Segundo comentaban os compañeiros de andaina é a casa do presidente dos iTrekkers (vaia crack, todo un personaxe, desborda carisma por todos os lados!!!). Aquí había de todo: café, que volvo a tomar, comida a rebentar, incluso chupitos para quen tiña o valor de tomalos!!!! Senteime un rato e tras encher o bidón volvín á marcha.
Xa volvo a ir recuperado. De feito atópome tan ben que incluso penso en trotar algo, o corpo pedíamo, pero decidín gardar as enerxías para cando o necesite. Nesta andaina non trotei nada, fíxena toda andando. É incrible como podes pasar de estar fundido a estar a tope neste tipo de probas.
Neste avituallamento é onde se empeza o cuarto tramo, o máis duro da andaina, que nos vai a levar á cima do monte Muralla: por algo terá este nome…
A primeira parte era levadeira. Van pasando as horas e a partir das 6:30 empeza a despuntar o día. A sensación de estar só no monte, levar 69 km e poder gozar da seguinte imaxe na túa retina é, simplemente, impresionante.
No km 71, ás 7 e pico da mañá, xa de día e cun sol impresionante, cheguei ao hórreo de Araño (visita obrigada se non o coñeces), onde estaba o segundo avituallamento con bolsa de recambio. Collina no camión e andei ata onde estaba o avituallamento, ao fondo dunha entrada dunha finca preciosa. Aquí cambiei a roupa da noite pola do día, desfíxenme de todos os elementos de peso, sobre todo roupa, que levaba na mochila e que creía que non ía a necesitar. E digo que creía que non ía a necesitar porque non tiven a precaución de deixar un cortaventos na mochila e no alto do monte Muralla pasei moito frío. 🙁
Descansei un bo rato, volvín a comer, beber, encher o bidón e encintar as zonas onde o esparadrapo se gastara (literalmente). E logo duns 20 minutos parados deixei a bolsa de recambio no camión e voltei á andaina. A partir de aquí empeza o rock&roll, a subida ao monte Muralla. Os primeiros km son suaves, o que nos vai chamando a atención aos andaríns que iamos xuntos. Incluso pensamos que non ía ser para tanto a subida. Pero ver uns compañeiros case trepando por unha ladeira do monte fíxonos cambiar de opinión.
No km 75 era onde empezaba este tramo, duns 400-500 metros, seguido dunhas subidas non tan fortes, pero que tamén lle chegaban. As vistas eran espectaculares.
Unha panorámica moi chula
A subida parecía que non se acababa… E nestas cheguei ao km 80.
O primeiro que se me veu á cabeza foi unha frase asturiana “Ta fecha“, porque pensei que aquí se acababa a dificultade e que o resto sería sinxelo. Só un segundo despois víuseme á cabeza que o que me faltaba era… un medio maratón. Animaliño!!!!!!
E para nada estaba finalizada a subida, aínda quedaban unhas boas rampas, con dureza e con néboa e frío. A última subida antes de facer cumio, a que aparece na seguinte imaxe, tiña un desnivel tremendo. De feito teño estas fotos porque parei a descansar no medio da subida ???
E con estas que fixen cumio. Alí tiñamos o seguinte avituallamento, no km 81. Facía un frío tremendo, o vento sopraba moitísimo e eu, en camiseta de manga corta, sen o cortaventos que me deixara no avituallamento do hórreo de Araño porque pensaba que non o ía a necesitar.
Tomei un café quente (que ben presta con tanto frío), algo de comida, enchín o Camelbak e tras descansar un pouco volvín á andaina. Agora era todo para abaixo, cara Noia, así que debería de ser fácil. Pero non, non ía a selo.
Empeza unha baixada polo monte con pendente, pero non excesiva. Cruzo algunhas pistas, máis monte, e chegamos a unha zona de monte onde había pouco que cortaran os pinos e que tiña un desnivel impresionante. Baixar, con 80 km nas pernas, volvíase un inferno. Creo que naquel momento prefería subir ese desnivel que baixalo. Pero non quedou outra e ao pouco estaba polo medio dunhas pistas que me ían levar ata o encoro da Vilacoba Hydroelectric Company, unha estación hidroeléctrica abandoada.
Tras cruzar a presa, o camiño discurría polo lateral dunha canle de auga, polo que había que ir con coidado para non caer a este río artificial. Pasada esta canle volvía a haber unha forte baixada, que me costou facer (os cuadríceps non daban máis de si) ata chegar ao cruce do río. Cruce que había que facer usando estas dúas escaleiras fixas.
Pleguei os bastóns, ateinos á mochila e crucei con coidado.
Ao acabar de subir a escaleira había un avituallamento, o do km 88,5, onde me volvo a sentar, charlo cos voluntarios, como, bebo e, como non, recargo o Camelbak.
Neste avituallamento varios participantes protéstanlle á organización pola dureza do trazado, por ser demasiado técnicas determinadas zonas. Non creo que nin os voluntarios se merezan esto nin as queixas, xa que nestas probas vense a ver zonas fermosas, natureza e algo de dureza, pero nada que sexa insalvable para unha persoa cun estado físico adecuado.
Continuo o camiño e, tras unha pista dun km, métome na ribeira do río, nunha zona técnica, na que con 90 km enriba me costaba moito avanzar, pero é o que hai. Esta zona fai que vaia avanzando moi despacio (a uns 3 km/h), xa que é complexo o avance pola ribeira.
Nunha zona un pouco complicada tiven un resbalón que se saldou co bastón dobrado. Se non o chego a levar acababa mollado no río cun golpe importante e ao mellor tiña que abandoar (ou arrastrarme ata a meta, quen sabe).
A zona de ribeira case nos leva a Noia, onde me pega un subidón tremento ao ver a seguinte marca
Só un km ????
A sensación deste último km é tremenda. Pásaseche pola cabeza toda a proba, todo o esforzo, os momentos de baixón, as probas previas entrenando para esta, os entrenamentos semanais,.. demasiadas cousas, case todas boas.
E aínda por riba o localizador por GPS ía funcionando, xa que os amigos e familiares me ían mandando WhatsApps, Slacks, chamadas,… para darme forzas neste último km e felicitarme. Agradécese moitísimo saber que a xente está pendente de ti. Un millón de gracias ????
Medio km antes da meta entrei no casco urbano de Noia, onde un voluntario me deu as últimas instruccións para chegar á meta. Un par de rúas máis e por fin, alá ao fondo, a meta, “the promise land” da miña particular “Highway to hell”, que, por fin, remataba.
O subidón me pegou ao ver a meta ao outro lado da rúa, escoitar os ánimos do speaker e ver a un feixe de voluntarios animándome é indescriptible. A sensación de cruzar a meta tras 100 km e 22h 36′ é das mellores sensacións que podes ter. Poucas, moi poucas cousas, poden superar esto.
No momento colocáronme a medalla de “finisher” (de verdade non temos unha palabra decente no noso idioma?) e o mesmo fotógrafo xa me levou ao photocall a sacar a foto oficial.
Ao momento entreguei o localizador á vez que me entregaban unha bolsa repleta de agasallos: a camiseta da proba, o diploma de finisher, o cartel conmemorativo, folletos dos concellos polos que pasamos e unha caixa con varias conservas de Escurís, como a que entregaran o ano pasado. Están boísimas, moi recomendables.
Collín a bolsa blanca que deixara o día anterior na meta para poder ir a ducharme e a cambiarme. Chegar ata as duchas, situadas a uns 300 metros da meta, cargado con todo o material, foi unha odisea. Pero aínda foi peor quitar toda a roupa e ducharse. No vestiario estabamos uns 6-7 participantes e aquelo parecía máis ben un capítulo dunha serie de zombies que unha ducha, pero, eso si, con moi bo humor. Todos acababamos de rematar a proba.
Como puiden fun duchándome e vestíndome, tomando todo o tempo que me apeteceu e un pouco máis. Tras vestirme regresei á meta para comer. Senteime cun grupo moi agradable de cataláns do “Club Excursionista Independent de Catalunya” que acababan de chegar á meta e que foron directamente a comer 😀 😀 e con outro de galegos.
Tras entregar o ticket de participante empezaron a poñernos comida coa típica abundancia galega: polbo, mexilóns, carne estofada, tarta de mazá,… Todo regado con cervexa, Albarino ou auga. Desta xa bebera uns 10 litros, así que… Entre batalla e batalla da andaina foi acabándose a comida e tocaba recoller a bolsa que aínda tiña no camión (dos avituallamentos) e regresar á casa, desta vez de acompañante, que non volvo a conducir logo dunha proba desta distancia, como fixen o ano pasado, nin de coña.
Sobre a organización
Sobre a organización, os International Trekkers Barbanza Sar (ITBS), só poido ter boas palabras. Empezan a informar sobre a proba varios meses antes, móvena moi ben, sobre todo por Facebook, e tratan de ter atado calquera problema que se poida dar. Todo son boas intencións para que os participantes disfrutemos da proba, e eso transmítese e vese. Os 50€ que costa a inscrición só chega a cubrir unha parte de todo o tinglado que monta esta xente, polo que é “barato”. Como curiosidade, cando ía de regreso da proba cara á casa, ía escoitando Radio Nacional e ían falando do Muro de Adriano, que basicamente é unha barreira de separación construída polos romanos, de 117 km. O primeiro que pensei foi “Seguro que hai unha ultra ao longo do muro”. Ao día seguinte busquei información, e, como non, hai un ultra, “The wall”, de 69 millas (111 km aprox), cun precio que parte das 155 libras (uns 173,46€) ata as 235 libras (uns 262,98€) en función de cando te inscribas. E, polo que estiven lendo, non é mellor que esta proba, para nada.
A proba está ben marcada, a única vez que me perdín foi por falta de atención, xa que a marca era clara, anque me gustou máis o marcaxe do ano pasado, creo que había marcas con maior frecuencia, tanto as pintadas no chan como as luminosas. Pasoume un par de veces de dubidar se ía ben, xa que levaba un bo tramo sen ver marcas. Obviamente non as vía porque non había camiños alternativos para poder sairme do camiño, pero cando levas 60km ás 4 da mañá máis marcas agradécense.
Esta proba, se sigue organizándose así, está chamada a convertirse nun referente. Non lle queda outra.
Melloras
Pois poucas melloras se me ocorren para esta ultraandaina quitando que se mellore a fiabilidade dos trackers GPS, que non depende da organización da andaina.
Vénseme á cabeza que os participantes que a acaben poidan obter puntos ITRA (International Trail Running Association), por se a proba pode atraer a corredores que queiran obter puntos para ir a carreiras que os necesiten (polo de agora non é o meu caso), como é o caso da Ultra-Trail du Mont-Blanc (UTMB).
Ademais, no 2018 a noite coincide coa de San Xoan, unha noite máxica en Galicia, co que podería ser interesante facer a andaina 1 semana antes ou despois, para non perder esa noite coa familia e/ou amigos ou non perder a ultraandaina.
Como vedes esto xa é darlle a volta á tortilla, porque dunha proba que está bastante ben organizada non hai moito onde mellorar.
Para finalizar
Por segundo ano participo e remato esta proba, que me vai enganchando e me fai sacar o mellor de min para poder acabala. E sentirme orgulloso de min mesmo, que o meu esforzo me costa.
Recoméndoa? Dende o punto de vista da organización, claro que si, está moi ben montada, os tipos son uns cracks. Pero dende o punto de vista físico para min é demasiado agresiva, son demasiados km que xeran moitísimo estrés no corpo. Hai que levar moitos km enriba noutras probas máis cortas e ter moi claro que queres participar en algo así, que vas a pasar por varios muros, que quererás abandoar máis dunha vez, que te atoparás ás 4 da mañá no monte, sen máis compañía que a luz do frontal e te preguntarás que fas alí, que non ten sentido seguir. Se tes todo esto claro, anótate o ano que vén. Non hai máis.
E se fuches capaz de chegar lendo ata aquí, quizás te plantexes tomar a saída o ano que vén comigo, que digo eu que haberá que mellorar un tempo tan discreto coma o deste ano, no que me quedei a 10 minutos do tempo do ano pasado ?