O sábado 20 de maio do 2017 participei por segunda vez na Andaina Concello Salceda de Caselas (esta foi a miña primeira andaina hai 1 ano), encadrada dentro da Copa Galicia de andainas de 50 km, que transcurriu polos camiños e sendeiros dos concellos de Salceda de Caselas, O Porriño e Tui. No meu caso participei na de 50km. Ademais había outras 2 versións, de 33 km con subida ao Aloia e de 30 km planos.
A continuación describo a proba, tanto a información previa como a proba en si.
Table of Contents
Información previa
A información previa á andaina foi completa, dispoñible na web do Centro Cultural que a organiza. Creo que non botei de menos ningún tipo de información.
- Horario de saída: 09:00 horas dende a A.C. O Coto de San Estevo de Budiño.
- Recollida de dorsais : unha hora antes.
- Avituallamentos: Os avituallamentos e puntos de control estarán indicados no carnet de ruta (non indicaban cantos, pero polo ano anterior, suficientes).
- Prezo inscrición: Federados 10 euros. Non Federados 12 Euros.
- Ubicación da saída. 42°05’20.2″N 8°36’55.9″W – 42.088944, -8.615528.
- Información (PDF).
- Regulamento (PDF).
- Planos (PDF).
Cartel da proba
Perfil da proba
Plano da proba
Track
Non dispoñible.
Inscrición
A través do formulario da web. Pagamento por transferencia bancaria. Sen ningunha incidencia. Como mellora podería ter o pagamento con pasarela bancaria.
A proba
Datos do meu reloxo (Suunto Ambit2 Sports):
- Distancia: 51,54 Km.
- Desnivel positivo: 2.124 m.
- Desnivel negativo: 2.124 m.
- Tempo: 9h 33′.
- Track: descarga. En Wikiloc.
Datos subxectivos:
- Marcaxe: excelente. Era imposible perderse. Aínda non rebasabas unha marca e xa vías a seguinte.
- Avituallamentos: moi completos, con barras enerxéticas, moita froita (plátanos, laranxas, sandía, melón,…), froitos secos, bocadillos, auga, bebida isotónica, empanada,… E ao acabar, callos. Dos mellores avituallamentos que te podes atopar.
Neste documento (PDF) a organización detalla todas as zonas de paso.
Visto o perfil da proba, esta podíase dividir en 3 partes:
- Unha primeira na que se subía e se baixaba o monte Aloia, ata chegar a Tui. A subida, duns 11 km, é dura, anque ao estar ao inicio da proba faise levadeira.
- Unha segunda parte que vai dende Tui ata Caldelas de Tui, que ía ao borde do río Miño, na súa maior parte por zonas sombreadas.
- Unha terceira parte que saía do río Miño, dende Caldelas de Tui, e pasando polas cercanías de Salceda de Caselas, chegaba á meta, por unhas zonas de pista e monte con continuos sube baixas.
Partíamos do Centro Cultural O Coto, e tras 6 km de sendeiros máis ou menos planos, en parte polo Camiño de Santiago (en sentido contrario), empezamos a subida. Era unha subida continua, con rampas duras e moi pouca zona de descanso.
Chegamos ao km 10, onde logo dunha forte rampa estaba o primeiro avituallamento.
As vistas, espectaculares.
Coa altura empezaba a escasear a arboleda, que nos protexía do sol.
Acercándonos ao cumio víase o Val Miñor, Baiona, as Illas Estelas, Nigrán, as Illas Cíes e a Serra do Galiñeiro. Unhas vistas impresionantes.
E case chegamos á cima. Antes pasamos pola ermida de San Xiao.
Tras facer un segundo avituallamento ofrecido polo Bar Monte Aloia, continuamos unha pequena pista e chegamos á Cruz do Monte Aloia, dende a que hai unhas vistas espectaculares, con vistas ao Baixo Miño e Portugal ao outro lado do Miño.
E empeza unha baixada preciosa, toda por sendeiros de monte, un bo pedazo pola beira dun rego (o Rego da Pedra, fermoso) e por unha zona de muíños.
A media baixada está o segundo avituallamento oficial (o anterior era ofrecido polo Bar Monte Aloia).
Antes de entrar en Tui, ao chegar a Randulfe, pasamos por unha especie de túnel por debaixo da autovía, por onde vai encauzado o río.
En Tui entramos por unha ponte de pedra preciosa. A continuación un voluntario guíanos hacia o Camiño de Santiago portugués, que usaremos para atravesar Tui. Pasamos polo casco antigo e por diante da Catedral.
Unha vez que saímos de Tui temos o terceiro avituallamento. Pasamos pola Ponte Romana, baixamos ata a beira do Miño e xa enfocamos a segunda parte da andaina, que nos levará á beira do Miño ata Caldelas de Tui.
Antes pasamos por unha zona intermedia, atravesando un precioso trigal, algo que escasea nestes tempos.
A maioría do tramo faise por sendeiros pegados ao río e que están tapados por árbores, feito que se agradece ao ir a 30 ºC.
Chegando á zona de Caldelas de Tui a arboleda desaparece. Imos por zonas onde o sol pega duro, cunha paisaxe impresionante.
Unha vez que saímos do río tiramos cara a Salceda de Caselas pola senda do río Caselas, que é bastante plana e preciosa, para logo entrar no monte, nun sube-baixa continuo.
Queda pouco.
Está feito.
Meta e último avituallamento, esta vez sentado.
E, para rematar, deixo un vídeo que me enviou a organización con fotografías da proba
Resumen
Proba moi ben organizada, dura pola subida ao Aloia e pola última zona algo rompepernas. Merece a pena facela.
Unha cousa máis
Veña, xa me flipei estilo Steve Jobs. Se só ides a facer unha andaina de 50 km en todo o ano, facede esta: bastante boa información antes da andaina, percorrido impresionante (diferente cada ano), avituallamentos tremendos e algo que non se pode describir pero que se nota: o cariño co que a organización fai todo.